IX Congreso AGANTRO 2026 | Chamada a comunicacións

Pensar camiñando: traballos, identidades e territorios en transformación

IX CONGRESO AGANTRO 2026 

Chamada a comunicacións (até 8 de maio)

6 de xuño de 2026 | Vigo – Moaña

O Congreso AGANTRO 2026 propón este ano un formato diferente: saír á rúa, camiñar xuntas, e pensar dende o territorio. Fronte ao modelo convencional de comunicacións en sala, apostamos por un congreso peripatético, no que o propio desprazamento polo litoral se converte en parte da reflexión.

Camiñar ten unha longa tradición na práctica antropolóxica. A observación, o encontro, o percorrido e a escoita no lugar son ferramentas fundamentais do noso oficio. Este congreso quere recuperar ese xesto: poñer o corpo en movemento como condición para o pensamento, facer do paseo un espazo de intercambio científico e de comunidade disciplinar.

O percorrido pola ría servirá de fío condutor para abordar algúns dos grandes temas que atravesan a antropoloxía contemporánea: os traballos e as economías en transformación, as identidades ligadas ao territorio e ao mar, os procesos de cambio ambiental, a xentrificación e o turismo, as loitas polo patrimonio e pola memoria, as reivindicacións ecofeministas ligadas coa contorna… Territorios como os que percorreremos son laboratorios vivos destas tensións: espazos onde o pasado de expolio industrial convive cun presente fráxil e complexo. 

Convidamos a todas as socias e socios a participar con comunicacións breves, sen apoio audiovisual, pensadas para ser presentadas ao aire libre, en diálogo coa contorna. A idea semella sinxela: parar, coller o barco, escoitar, camiñar de vagar, pensar… 

A APA informa de que a asistencia aos congresos da AGANTRO é gratuíta para todo o público. As socias da APA con cota en día que desexen presentar comunicacións quedan equiparadas a socias da AGANTRO para estes efectos, ao abeiro do protocolo bilateral de cooperación coa ASAEE (da cal a AGANTRO forma parte).

Para mais informações sobre submissão de propostas, datas e eixos temáticos, ver AQUI.